Wednesday 08 de May de 2024

Arte e creatividade para conmemorar o 25 N na Mancomunidade de Ordes



Danse a coñecer as persoas premiadas do concurso de carteis cos que tamén se confeccionarán calendarios e chapas cos slogans ideados pola poboación estudantil. Todo este material distribuirase de balde entre a poboación

Co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro venres 25 de novembro, a Mancomunidade de Ordes ten previstas unha serie de actos e de actuacións co fin de concienciar á poboación.
Nas últimas semanas levouse a cabo nos distintos centros educativos da comarca un concurso de carteis deseñados polos propios alumnos e alumnas. A imaxe gañadora amosa unha moza coa boca tapada e en actitude de submisión coa mensaxe “Aínda que teña a boca tapada podo falar igual”. O cartel distribuirase por establecementos e edificios públicos de toda a comarca, así como polas distintas páxinas web e redes sociais de concellos e departamentos”. A súa autora foi María José Rodríguez Duarte, estudante de 2º curso de ESO do IES Maruxa Mallo, a cal recibirá unha tableta. O segundo premio foi parar a mans de Wisal Fathallah Fathallah, de 1º curso de ESO do IES Nº 1, dotado cun disco duro. Lucía Sanjurjo Rey, estudante de 4º da ESO do CPI Ponte Carreira, acadou o terceiro premio, o que lle supón uns auriculares.
Tamén se realizarán chapas cos slogans feitos polos propios alumnos e alumnas e calendarios coa imaxe gañadora. “Máis violeta e menos morado”, “machismo escríbese con M de monstro”, “Nin nós violentos nin elas fráxiles”, “deixemos as medias laranxas para facer zume”, “control non é amor”, “non deixes pegadas de feridas deixa pegadas de felicidade” e “se non te fai feliz NON”, son as mensaxes seleccionadas este ano. Veciños e veciñas terán a oportunidade de facerse de balde con algún deste material tanto nos centros médicos, como nos Concellos, centros educativos e nos case 90 bares, cafeterías e restaurantes de toda a comarca.
O presidente da Mancomunidade de Ordes, Roberto Rey, acompañado doutros representantes institucionais dos concellos da zona, será o encargado de entregar os premios, para o que se desprazará aos colexios e institutos a partir de mañá mércores. O primeiro en recibilo será o terceiro dos galardoados, na visita que mañá se levará a cabo no CPI de Ponte Carreira. Os autores tanto do cartel gañador como do segundo clasificado recibirán o seu premio o propio 25 de novembro, venres.
Programa IGUALAR3
Dende o pasado mes de outubro a Mancomunidade de Ordes levou a cabo a terceira edición do Programa IGUALAR3 nos centros académicos (IES Maruxa Mallo, IES Nº1, CPI Pecalama, IES Oroso, CPI Viaño Pequeno, CPI Xanceda, CPI O Cruce, CPI Ponte Carreira). Unha iniciativa pedagóxica que ten como principal obxectivo formar aos máis novos e novas criticamente para medrar, desenvolverse e relacionarse plenamente sen prexuízos sexistas, favorecendo a incorporación dunha perspectiva de xénero.